Coa crise dos anos 80 e 90, e mentres as editoriais tradicionais seguían incrementando os prezos das subscricións ás súas revistas científicas, as bibliotecas e os centros de documentación víronse obrigados a dar de baixa moitos títulos, porque non podían manter todas as revistas que tradicionalmente subscribían debido aos minguados orzamentos e os incrementos dos prezos por parte dos editores, ás veces do 300%.

Os autores, investigadores e científicos son conscientes de que eles non cobran polos seus escritos, e que as súas investigacións foron financiadas por institucións públicas que agora non teñen orzamento para comprar as revistas onde publicaron os resultados das súas investigacións. Ademais, este sistema non lles ofrece a visibilidade, impacto e recoñecemento que debería. Doutra banda, os lectores non poden acceder ás últimas actualizacións publicados, e isto repercute nos ámbitos asistenciais, docentes e investigadores.

Na década dos noventa, empezan a aparecer as primeiras revistas científicas na internet , pero con políticas moi restritivas.

A suma de todos estes factores conflúe e na década do 2000 xorde o movemento de ACCESSO ABERTO ( coñecido como Open Access). Este movemento pide o libre acceso aos recursos académicos e científicos en liña. Piden eliminar as barreiras económicas e as restricións derivadas dos dereitos do copyright.

Desta forma os autores non ceden os dereitos de autor á editorial, gañando así en visibilidade e recoñecemento e pola súa banda os lectores poden acceder gratuitamente á lectura dos informes derivados da investigación. O problema xorde co mantemento dos custos de publicación.

Xorden varios modelos de sustentabilidade dos custos de publicación:

  • Revistas de Acceso Aberto, co pago por publicación que recae nos autores ou as súas institucións ( BMC ou Plos One). Coñécese como Ruta Dourada.
  • O modelo do embargo, que varía desde uns meses a uns anos, e que despois dun límite de tempo, poden ofrecerse os textos gratuítos en repositorios temáticos, como PubMed Central, (PMC) ou institucionais. O modelo de publicación nos repositorios coñécese como Ruta Verde.
  • Modelo híbrido, onde a editorial dá a elixir o autor pagar para publicar en acceso aberto ou o sistema tradicional de cesión do copyright.

As institucións públicas que financian grandes investigacións , empezaron a crear os seus repositorios e a elaborar mandatos ou políticas para lexislar o acceso aberto. Os primeiros en dar o paso foron os NIH, os institutos de saúde americanos, que en 2005 publicaron un mandato instando aos investigadores financiados por eles para que pasados 12 meses da publicación dos informes, os depositasen de forma obrigatoria no repositorio PMC. En 2008 a Unión Europea estableceu unha serie de recomendacións moi similares. O European Research Council establece que pasados 6 meses os artigos das investigacións han de ser depositados en repositorios institucionais ou temáticos como PubMed Central. No 2011 España incorporouse a esta iniciativa (Lei 14/2011).

Estes repositorios teñen como finalidade almacenar, preservar e sobre todo difundir a produción científica e intelectual dunha institución.

A Unión Europea considera que o acceso aberto á información científica é un factor chave para a competitividade, a innovación e o progreso da sociedade e crea o repositorio DRIVER (Digital Repository Infraestructure Vision for European Research), animando aos países membros a seguir este modelo.

Neste contexto enmárcase a creación de RUNA, o repositorio da Consellería de Sanidade e o Sergas. Estará integrado en RECOLECTA, o portal español que agrega e recolle a información de todos os repositorios institucionais de España.

Resumindo, o Acceso Aberto, beneficia a:

  • Autores. Dálles maior visibilidade e recoñecemento, permítelles decidir sobre os dereitos de autor e como xestionalos
  • Lectores. Permítelles acceder aos informes de investigación de forma libre e gratuíta
  • As institucións. Xestionan de forma máis coherente os orzamentos e o financiamento da investigación
  • A sociedade. A investigación chega antes á sociedade, que se beneficia dos seus avances